Categoría: Programación (Página 1 de 21)

Programación

Para os derradeiros meses do ano temos catro propostas moi diferentes; serán catro filmes de catro países diferentes, falados en catro linguas distintas e de catro estilos e temáticas moi diversas. 

NOVEMBRO

O venres 14 será o filme de animación australiano do 2024, Memorias dun caracol (Memoir of a snail), escrito e dirixido por Adam Elliott, autor tamén do prestixioso filme de animación de culto Mary and Max (2009), o cal non se estreou no noso país ata o ano pasado, é dicir, 15 anos despois. Os mesmos anos que tardou en estrear esta segunda longametraxe o seu director. En “Memorias dun caracol” Adam Elliott segue fiel ao seu estilo: animación stop motion con plastilina, comedia negra, amistade entre unha nena e unha persoa anciá, angustia existencial… En definitiva, unha nova e maxistral mostra de animación para adultos, coa que estivo a piques de acadar o seu segundo Oscar.

Para o venres 21 faremos unha nova colaboración co CIM Vilagarcía no contexto do Día contra a violencia de xénero. Nesta ocasión proxectaremos o filme Soy Nevenka (2024), coescrito e dirixido por Icíar Bollaín e baseado nunha historia real novelada por Juan José Millás. A proxección será entrada de balde ata completar aforo.

DECEMBRO

O venres 12 con Anselm (2023), un documental dunha das lendas vivas do cine, o director alemán Wim Wenders, no que as liñas entre cine, pintura e escultura difumínanse grazas a exploración da vida e da obra do seu compatriota e coetáneo, o artista neoexpresionista Anselm Kiefer.

E o venres 19 despedirémolo ano cinematográfico a ritmo de hip hop irlandés coa película Kneecap, escrita e dirixida no 2024 por Rich Peppiatt, na que nos conta a historia do anárquico e indomesticado trío homónimo, que están dispostos a todo para salvar a súa lingua irlandesa.

Programación Outubro

Neste mes de outubro ímonos achegar ao noso veciño da outra beira do Miño. Non será unha viaxe longa, ímonos perto, unha visita ao noroeste do país e outra ao nordeste. Resultaranos familiar, mais tamén un chisquiño exótica, pois iremos a mundos rurais que están esmorecendo. 

A primeira parada será o venres día 10 e mergullarémonos no realismo máxico dunha zona rural da provincia de Trás-Os-Montes coa opera prima de Cristéle Alves Meira “Alma Viva” (2022). Un filme de  referencias berlanguiáns protagonizada de maneira excelente por Lua Michel, filla da directora, que sendo tan só unha nena de dez anos fai un papel moderador e conciliador entre os adultos que pelexan e rifan entre eles trala morte dun familiar.

O principal peso do filme recae en ela, e está contado dende a ollada desa nena, detentora dun realismo máxico primixenio e moi galego e do norte de Portugal. Así que non busquen as referencias en García Márquez, Borges ou Rulfo, se non en autores nosos anteriores, como Álvaro Cunqueiro, Wesceslao Fernández Flórez ou sobre todo no escritor precisamente trasmontano Miguel Torga. 

  A segunda parada será o venres 17, onde viaxaremos ao noroeste portugués cun filme español recén estreado: “Una quinta portuguesa” (2025), escrito e dirixido por Avelina Prat, onde un profesor de xeografía devastado pola desaparición da súa muller decide por rumbo a Portugal, e alí suplantar a identidade doutra persoa para quedar de xardiñeiro dunha quinta portuguesa e vivir unha vida que non lle pertence. 

  En definitiva dúas olladas femeninas diferentes e complementarias ao norte de Portugal co que como galegos compartimos tanto. 

Programación Setembro CICLO “CINE E EDUCACIÓN”

Iniciamos o novo curso cun ciclo de “Cine e educación”. Serán tres filmes moi diversos, de diferentes países, épocas e perpectivas:


   O primeiro deles será  “Sala de profesores” (Das Lehrerzimmer), filme de nacionalidade alemana coescrito e dirixido por Ilker Çatak en 2023, o cal foi nomeado aos Oscar dese ano como mellor filme extranxeiro. Ambientado nunha escola de educación secundaria, o filme segue os pasos de Carla Nowak (excelentemente interpretada por Leonie Benesch), unha mestra de matemáticas e deportes que xusto comeza o seu traballo nesa escola cando prodúcense unha serie de roubos alí, polo que terá que enfrentarse as implacables estructuras do sistema escolar. A proxección será mañán, venres 12, ás 20:30 no Salón García. 


  O segundo filme do ciclo proxectarémolo o venres 19, e será un gran clásico de Arthur Penn, “El milagro de Anna Sullivan” (The miracle worker), filme biográfico sobre a instructora de Hellen Kerer, a primeira muller sordocega en acadar unha licenciatura, e o desafío que supuxo a súa aprendizaxe na súa infancia. Anne Bancroft e Patty Duke repiten os seus papeis de Broadway e volven estar excelentes, de feito gañaron sendos Oscars ese ano pola súas interpretacións.    Penn foi un dos directores máis singulares e con máis talento da chamada “xeración da televisión”. El milagro de Anna Sullivan foi o seu segundo gran éxito tras “El zurdo”. Despois dirixiría as excelentes Bonnie and Clyde e La jauría humana, entre outras. 


  E remataremos o xoves 25  tamén ás 20:30 no Salón García coa película belga de 2023 “Amal”, escrita e dirixida por Jawad Rhalib. Trátase dun dos filmes máis valientes e con mellores críticas do 2023, e cóntanos a historia dunha mestra francesa nun instituto de Bruxelas que trata de inculcar aos seus alunos a paixón pola lectura, a tolerancia e a liberdade de expresión. Ideas que molestan a algúns alunos e compañeiros vinculados ao extremismo islámico. 

Programación Maio 2025

Programación Abril 2025

Neste mes de abril as proxeccións serán os XOVES ás 20:30h.

Con unha programación de filmes na que predomina o cine dirixido por mulleres, coa excepción dunha homenaxe máis que merecida ao recentemente finado David Lynch.

Programación Marzo 2025 | Ciclo Mulleres Directoras

Dende este venres 7 de marzo unirémonos ás actividades do #díadamuller co inicio dun ciclo adicado a tres mulleres directoras, o cal foi subvencionado nunha parte polo CIM de Villagarcía, motivo polo cal a entrada para os tres filmes que o compoñen será de bale para todo o mundo.

Este ciclo xurdiu dunha idea coa nosa socia, a directora de arte Marta Villar, quen será a encargada de presentar os tres filmes.

O primeiro deles “Prefiero condenarme” (2024), un documental sobre un xuízo por adulterio contra unha mariscadora da Ría de Ferrol nos primeiros anos 70, escrito e dirixido pola galega Margarita Ledo Andión, quen virá a proxección e nos introducirá ao seu filme xunto a Marta Villar. E trala proxección tamén teremos a oportunidade de entablar un coloquio con ela.

Continuaremos o venres 14 coa proxección de Bird (2024), un drama social escrito e dirixido pola británica Andrea Arnold, que obtivo excelentes críticas.

Para finalizar o venres 21 co filme de animación e utopía feminista “El sueño de la sultana” (2023), escrito e dirixido pola donostiarra Isabel Helguera, e baseado no libro de 1905 da escritora bengalí e pioneira na loita dos dereitos das mulleres Begum Rokeya, quen imaxinou neste clásico da litaratura india un mundo gobernado por mulleres.

Tódalas proxeccións serán no Salón García ás 20:30 con entrada de balde ata completar aforo.

Podes reservar a túa entrada e ver a ficha:

Página 1 de 21

© 2025 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies