O evento cinematográfico do ano volta a Vilagarcía. Do 1 ao 6 de agosto traémosche unha programación internacional do máis variada, filmes moi actuais e clasicazos que sempre paga a pena volver a ver!

Ademais, este ano quixemos centrarnos no local e no próximo, no propio e no veciño. Por iso teremos dous encontros moi especiais: o primeiro, un encontro coa escritora e cineasta galega Margarida Ledo, quen nos presentará o seu filme documental Nación, onde retrata un caso recente da loita obreira protagonizada por mulleres; no segundo invitamos aos lusos Isa Catarina Mateus e António Costa Valente, representando á Federação Portuguesa de Cineclubes e ambos con distintos cargos na Federación Internacional de Cineclubes, quen nos ofrecerán unha mostra de curtametraxes portuguesas dos últimos anos para amosarnos o que están facendo os nosos veciños do outro lado do Miño.

Por suposto, non podía faltar a música en directo acompañando un dos grandes éxitos do cine mudo, que será musicalizada pola banda Fuzzo. E todo culminará nunha gran pantalla na praia, desfrutando do solpor ao ritmo de blues.

Bótalle un ollo á programación, e non te perdas esta refrescante carteleira de verán!