Temos tres películas que nos levan a lugares moi distintos, pero que teñen algo en común: todas nos convidan a mirar con máis calma, con máis curiosidade e con máis corazón.
A primeira delas, “La cueva de los sueños olvidados” ademais nos fala de pioneiros, de xente que deixou un legado que outros recolleron e continuaron, é dicir, que tamén podería estar falando de nós mesmos como cineclube, que recollemos esa testemuña dun extraordinario grupo de persoas que nos albores da democracia imaxinaron e soñaron con traer a esta vila as mellores obras dos que fabrican eses soños colectivos que chamamos filmes.
En “La cueva de los sueños olvidados” o gran director alemán Werner Herzog ábrenos a porta a un dos lugares máis misteriosos e conmovedores da humanidade. Unha viaxe silenciosa e chea de beleza á cova Chauvet, (similar a Altamira) onde as primeiras mans que pintaron o mundo aínda parecen respirar nas paredes. Herzog, sempre atento ao que latexa baixo a superficie, descende aquí ao corazón desta cova francesa para filmar o que quizais sexa o primeiro relato cinematográfico da humanidade. O director non se limita a documentar: interroga, escoita, deixa que a pedra fale. É unha película que nos lembra que a arte naceu moito antes de que existise a palabra “arte”.
O pase será este venres 5. Será de balde para os nosos socios/as, 2,5€ para estudantes e desempregados e 4€ polo resto do público.
O mércores 17 proxectaremos outro documental, esta vez galego: “360 curvas”, que son as curvas que separan a Fonsagrada de Lugo. Un filme a cabalo entre dous tempos non tan afastados, que nos fala dunha comunidade que negouse a esmorecer, aínda que estivo a piques de facelo.
Algo que tamén de certo xeito funciona como metáfora deste cineclube.
O pase será de balde para socios/as e prezo reducido de 2,5€ para o resto do público por tratarse dunha nova colaboración coa Filmoteca de Galicia.
O venres 19 non haberá filme algún, pero á vez estarán dalgún xeito os case 1700 proxectados na historia do cineclube, pois será o día da inauguración da nosa exposición. “Unha ollada compartida. O reflexo dunha vila.” Non vola podedes perder!
E poñeremos fin ao mes e daremos a benvida a un verán xa ca vista posta na vindeira Semana de Cine o venres 26 con “Maspalomas”. Un relato luminoso, cheo desa melancolía suave que só aparece nos veráns que nos cambian sen facer ruído. A película observa os seus personaxes con tenrura e honestidade, deixando que os encontros, os desexos e as feridas pequenas constrúan unha historia que se move entre a luz e a sombra, como a propia illa.
Para este filme o pase será de balde para todo o mundo ata completar aforo por ser unha nova colaboración co CIM de Vilagarcía polo día do orgullo LGTBIQ+.
Agardamos que todas estas propostas vos acompañen, vos sorprendan e, sobre todo, vos dean ganas de seguir mirando o mundo con curiosidade e con renovadas forzas para seguir soñando.
Nós seguiremos aquí quizais outros 50 anos. Quén sabe…