Seguro que estás dacordo en que xuño é un mes moi especial: son os días máis longos e luminosos, o verán comeza a intuirse, péchanse ciclos e comezan outros con proxectos de vacacións, festas varias, días de praia… todo é especial en xuño. E no Cine Clube non podía ser menos. Por iso, este xuño de 2023 vén cargadiño de ESPECIAIS DE CINE:

Comezamos esta semana mesma co ESPECIAL DE MEDIO AMBIENTE cunha cinta para concierciarnos sobre a contaminación da industria e o impacto que ten no medio e na nosa saúde, porque nós tamén formamos parte do medio, aínda que ás veces o esquezamos. Pero aquí vén Mark Ruffalo para recordárnolo fronte aos tribunais, nun thriller xudicial contemporáneo à la Erin Brockovich, tamén baseado en feitos que aconteceron (e o continúan a facer). Unha peli de Todd Haynes que gañou recoñecemento internacional coa súa nominación aos premios César a mellor película de 2020. Moi recomendable se queres aprender as claves para loitar contra a macroindustria:

DARK WATERS (2019). Proxección: mércores 7 de xuño, 21h00 

A programación continúa cunha nota de comedia para subir os ánimos. Festexamos o ESPECIAL DÍA DA MÚSICA na gran pantalla co mellor grupo glam rock da historia: Spinal Tap!! Que quen son? No seu documental, convertido en filme de culto, seguimos á banda nunha xira onde aprenderás todo o que precisas saber deles, da súa música, e do ascenso á fama. Claro que a cinta podería estar a falar de calquera grupo rock/heavy metal dos 80. É isto precisamente o que pretenden o seu director, Rob Reiner, e os seus colegas de guion e reparto, quen conforman esta banda a partir dos topicazos do momento e documentar así, en clave de humor, a época máis dura da música. Bailarás da risa, prometido.

THIS IS SPINAL TAP (1984). Proxección: mércores 21 de xuño, 21h00 

E, como cada ano, pechamos este mes de cine sumándonos ás reivindicacións para a defensa e celebración da diversidade cun ESPECIAL ORGULLO LGTBIQA+, que este ano é especialmente especial grazas á Área de Igualdade (CIM) do Concello de Vilagarcía, que promociona unha semana de cine LGTBIQA+! En total serán tres películas diferentes que visibilizan identidades disidentes da heteronorma en épocas tamén diversas:

LOVE IS STRANGE (2014). Proxección: mércores 28 de xuño, 21h00

PARIS IS BURNING (1990). Proxección: xoves 29 de xuño, 21h00

20000 ESPECIES DE ABEJAS (2023). Proxección: venres 30 de xuño, 19h30 e 22h00** 

*Todas as películas do ciclo LGTBIQA+ serán de balde para todo o público.

**20000 especies de abejas terá dous pases: o primeiro ás 19h30 e o segundo ás 22h.