Comezaremos o venres día 2 co filme brasileiro MANAS, a primeira longametraxe de ficción da directora brasileira Marianna Brennand, ambientada na illa de Marajó, no corazón da Amazonía brasileira.
A película segue a Marcielle, unha moza de trece anos que empeza a comprender a violencia e as inxustizas que condicionan a vida das mulleres da súa comunidade, decidindo enfrontarse a elas.
A directora construíu esta historia a partir dun longo proceso de investigación sobre a realidade de moitas rapazas e mulleres da rexión amazónica. Pero o filme non é só unha denuncia social. É tamén un relato de crecemento, de resistencia e de procura da propia identidade fronte a un mundo que parece ter decidido o destino da protagonista antes de que ela poida escoller o seu camiño.
Manas tivo un gran recoñecemento no seu país de orixe, obtendo cinco premios da Academia brasileira, incluindo mellor película e directora, e tamén a nivel internacional, como no noso país onde estivo nomeada nos Goyas como mellor filme iberoamericano.
O venres 9 de outubro, a película RESURECTION, que é a nova obra do cineasta chinés Bi Gan, un dos autores máis singulares e innovadores do cinema contemporáneo.
Trátase dunha ambiciosa mestura de ciencia ficción, drama e reflexión sobre a propia natureza do cine.
O filme sitúanos nun futuro no que a humanidade deixou de soñar. Nese mundo aparece unha misteriosa muller que segue o rastro dunha criatura obsesionada cos soños e coas imaxes. A partir dese encontro, a película convértese nunha viaxe a través de diferentes épocas, diferentes formas de percepción e diferentes maneiras de entender o tempo e a memoria.
Máis que unha obra cinematográfica convencional, Resurrection é unha experiencia sensorial. Bi Gan propón un percorrido por diversas décadas do século XX e da historia do propio cinema cunha imaxinación desbordante, porque se algo celebra esta obra é a capacidade do cine para soñar, para crear mundos e para conectar tempos, persoas e emocións que aparentemente están afastados. Nese sentido, estamos diante dunha auténtica declaración de amor á arte cinematográfica, que ademais acadou o Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes.
