Página 2 de 26

ESPECIAL “Muller no audiovisual” este decembro 2023

Este decembro, como cada ano, celébrase en Vilagarcía a semana de MULLER E CULTURA, organizado pola Área de Igualdade (CIM) do Concello. Nesta ocasión, o evento centrarase no ámbito audiovisual, a nosa especialidade!!! É por este motivo que nos aliamos co CIM para ofrecervos unha programación moi moi especial.

Tan especial, como que a nosa primeira convidada será, nada máis e nada menos, que a gañadora deste ano da cuncha de ouro no Festival de San Sebastián e a primeira directora española en acadalo: Jaione Camborda. Case nada! Como xa todas sabedes de seguro, Jaione gañou coa súa segunda longametraxe, O Corno, gravada entre A Illa e Vilanova, e, por suposto, en galego, porque esta donostiarra xa é galega de corazón. Nós non imos traer O Corno (ooooh), pero si a Jaione (beeeeen), porque se hai unha muller que aparece como sinónimo de audiovisual e galego agora mesmo, é ela. E crédenos que ten moito que contarnos.

Pero non nos imos limitar a falar con ela. O coloquio será precedido polo visionado da súa primeira longametraxe: Arima. Tanto para as que vistes O Corno como para as que non, Arima é imprescindible para entender a traxectoria desta cineasta, e permitiranos crear un marco dende o que analizar o audiovisual galego, o espazo da muller, as temáticas e medios, os referentes… e moito máis. Así que prepadas porque:

VENRES 15 DE DECEMBRO: COLOQUIO CON JAIONE CAMBORDA + PROXECCIÓN DE ARIMA (2019)

Unha vez repostas desta xornada, seguimos! Porque o especial “Muller e audiovisual” ten que incluír a máis de unha muller, certo?

E no audiovisual, aínda que ás veces o esquezamos, non hai só directoras, e non soamente as longametraxes son cine. Por iso, para a segunda xornada, quixemos crear un espazo no que escoitar as voces máis esquecidas da industria: mulleres que comezan no audiovisual, mulleres que traballan nos vericuetos, entre fotograma e fotograma e frase e frase, facendo que todo cobre sentido. Por iso:

SÁBADO 16 DE DECEMBRO: CONVERSA CON LAURA E CORAL PIÑEIRO, MÓNICA ALONSO E VERÓNICA CALLÓN + PROXECCIÓN DE CURTAS FEITAS POR CINEASTAS GALEGAS

Queriamos que as curtas foran unha sorpresa… pero, precisamente porque estamos a falar das mulleres no audiovisual, lles debemos a estas creadoras o recoñecemento que se merecen polo seu traballo, así que velaquí está a selección de curtas da que poderedes gozar o sábado no Salón García:

  • Aurelia (2011) Milena Martínez
  • Na pel da memoria (2022) Laura e Coral Piñeiro
  • Ruovesi (2023) Andrea Zapata-Girau
  • 30’ 70 60 120’ (2021) Marta Valverde
  • O neno sardiña (2022) Lucia Estevez
  • Crónica dun recordo (2022) Zahira Teijelo

Recordámosvos que como este ESPECIAL está patrocinado polo CIM Vilagarcía, todas as actividades serán DE BALDE, así que apuntádevos xa!! E vide gozar do cine, como sempre, na mellor compañía 😉

Continúa o #outonodecine: programación NOVEMBRO ‘23

Despois da tregua que nos deu o sol, agora si podemos dicir que comeza a época de “peli e manta”, e que mellor lugar para disfrutar do cine que no Salón García?

Este mes de novembro agárdanvos dúas cintas moi especiais, dous dramas adolescentes contemporáneos moi luminosos que tratan con grande sensibilidade e tenrura algunhas das problemáticas máis comúns deste grupo de idade, no que a identidade está en proceso de formación e no que todas as vivencias deixarán unha clara impronta nas posibilidades e proxectos futuros.

Coa súa segunda longametraxe, o novísimo Lukas Dhont conságrase como un excepcional cineasta (a un tempo director e guionista) interesado na formación da sexualidade e no xuízo social que rodea a esta cuestión e que impide a liberdade plena dos seus protagonistas. Nesta ocasión, a través da idílica amizade de Léo e Rémi, chea de tenrura e inocencia, se cuestiona onde está a liña entre amor e amizade cando se trata de dous varóns, e como unha relación infantil pode cambiar de connotación na adolescencia:

CLOSE (2022). Proxección: MÉRCORES 8 de novembro, 21h00

E de segundas longametraxes vai a cousa, pois Pilar Palomero repite o éxito acadado coa súa primeira cinta tamén como directora e guionista, e nos presenta no seu segundo filme a unhas niñas que se van ver forzadas a deixar de selo. Arrincadas da adolescencia, pero sen se poder considerar aínda adultas, estas xóvenes embarazadas terán que crear un espazo propio entre estas dúas realidades, apoiándose as unhas ás outras. Esta é a cinta elixida en colaboración coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía con mor do 24N, o día en contra da violencia contra a muller. A entrada será de balde ata completar aforo.

LA MATERNAL (2022). Proxección: VENRES 24 de novembro, 21h00 *de balde*

Reserva XA as túas entradas e non te quedes sen sitio este #outonodecine

Un outono de cine: programación e novidades SETEMBRO/OUTUBRO ’23

Setembro tal vez sexa o mes menos aprezado do ano: dicimos adeus ás vacacións e aos longos días de sol e tornamos, pouco a pouco, ás rutinas novas ou vellas. Pero non todos os retornos son malos. No Cine Clube voltamos tamén con máis cine, máis ganas, e algunhas novas, para facerche máis agradable esta “volta ao cole”.

Estas son as novas que xa podemos compartir contigo:

  • Mantemos a entrada reducida para persoas con carné xove e/ou en paro. Se recordas, esta foi unha medida que introducimos na Semana de Cine 23, e, visto o éxito que tivo, decidimos mantela para toda a programación regular a partir de xa!

  • Cota reducida de socia para persoas con carné xove e/ou en paro. As persoas socias abonan unha cantidade de 60€/ano para ter acceso de balde a todas as proxeccións e actividades especiais do Cine Clube. Agora, as persoas en posesión de carné xove ou acreditación de paro poderán acceder aos mesmos beneficios por só 40€/ano. Non o penses máis e faite socia/o!

  • Venres de cine. Moitas nolo estabades a pedir, polo que incorporamos os venres como día para vir gozar da nosa programación! A partires de setembro de 2023, cada mes contaremos cun mércores e un venres de programación, para garantizar que todas as cinéfilas poidades vir gozar da gran pantalla, polo menos unha vez ao mes!

Agardamos que estas medidas sexan do teu agrado. Ao longo deste trimestre sondearemos ás espectadoras e socias para analizar o impacto que estas novas rutinas poidan ter, porque queremos seguir aprendendo e mellorando para ti!

Permanece atenta ás novas e non dubides en facernos chegar a túa opinión a través das nosas canles de comunicación (facebook, instagram, telegram, ou email).

E agora, a programación!!

Un tanto desapercibida, talvez pola época na que saíu, pasou a penúltima obra do sempre pintoresco Wes Anderson, unha oda ao mundo do xornalismo e á cadea de axentes que o fan posible e que, quizais abafados pola cantidade de información que circula hoxe, pasan tamén desapercibidos. Este é o intento do director de venerar a labor esquecida dos xornalistas, recuperando un tempo no que as cousas eran máis sinxelas pero o traballo máis duro. Viaxa a unha Francia do século XX disparatada e chea de cor da man de Wes Anderson en

A CRÓNICA FRANCESA (2021). Proxección: VENRES 22 de setembro, 21h00

E non marchamos aínda de Francia, porque en outubro neste país imos atopar a felicidade, ou, polo menos, en aparencia. Casarse e ter fillos, amor e paixón unidos baixo o mesmo teito, non é isto a felicidade á que todas aspiramos? Por que riscarse a perdelo todo, entón, por unha amante? Se cabe, a felicidade non era tal, algo falla nesta fórmula supostamente perfecta. É isto o que Varda, con gran mestría e delicadeza, deixando entrever, pero sen dar respostas, explora neste filme tan cheo de cor coma o anterior, con imaxes que evocan a beleza e sustuosidade da vida, ao tempo que unha sombra de dúbida vai facendo aparición. Non é ouro todo o que reloce, dicía Agnès Varda xa nos anos 60:

LE BONHEUR (1965). Proxección: MÉRCORES 4 de outubro, 21h00

De paixóns autodestrutivas vai tamén a última cinta que traemos en outubro: un filme noir como soamente Park Chan-wook sabería facer, cunha intensidade narrativa e visual que case podes palpar. Thriller e romance a partes iguais, atracción fatal no medio dun crime por resolver… Será quen o protagonista de tomar a decisión de marchar antes de que o consuma a paixón? Se es dos que pensan que Parasite foi soamente o comezo do dominio surcoreano no audiovisual, este filme é para ti.

DECISION TO LEAVE (2022). Proxección: VENRES 20 de outubro, 21h00

Xa podes reservar as túas entradas na web ou en taquilla os días de proxección a partires das 20h30.

Merca o teu Abono por só 10€

Xa podes mercar o teu ABONO para toda a Semana de Cine dende as 20h no Salón García por só 10€ e reducido a 6€ para desempregad@s, xubilad@s e carnet xoven.

Volta o evento do ano!!! SEMANA DE CINE 2023

A promoción do cinema e do audiovisual na comarca é a razón de ser do Cine Clube Ádega. Este ano, por vez primeira, a Semana de Cine focalízase nun grupo específico da sociedade a miúdo infrarrepresentado na programación cultural: a mocidade.

No Cine Clube Ádega recoñecemos o valor creativo da xuventude, a súa capacidade de innovar e contar historias. Por iso, esta Semana de Cine 2023 pomos á mocidade no centro do audiovisual con contidos pensados especialmente para a xuventude; comprometémonos coas problemáticas, temáticas e historias que apelan á mocidade da comarca, e aos mozos e mozas que todas levamos dentro.

Para facer valer esta aposta, organizamos o concurso #EuFagoCine en colaboración con Zona Aberta. Se tes menos de 30 anos e queres participar, consulta aquí todas as bases.

Pero, por suposto, non nos esquecemos de todas as demais, socias e non socias, que non acompañades cada ano. Prometemos que o contido e películas que ofertamos este ano vanvos facer sentir coma novos!

E pecharemos a Semana de Cine ao grande, cun evento moi especial. Tanto, que é sorpresa. Shhh. Soamente os podemos adiantar que preparedes as mantas e as cestas da praia, neveiras, sillas, e demais, porque imos montar un macropícnic cinematográfico ao que estades todas invitadas.

Preparadas? Comezamos en

3

2

1

Lanzamos o concurso #EuFagoCine

A promoción do cinema e do audiovisual na comarca é a razón de ser do Cine Clube Ádega. Este ano, por vez primeira, a Semana de Cine focalízase nun grupo específico da sociedade a miúdo infrarrepresentado na programación cultural: a mocidade.

No Cine Clube Ádega recoñecemos o valor creativo da xuventude, a súa capacidade de innovar e contar historias. Lonxe de rexeitar as novas tecnoloxías como unha lacra para o audiovisual, celebramos a súa capacidade de por á mocidade no centro do proceso creativo e, por tanto, de democratizar a cultura. Por iso organizamos este concurso no que convidamos á mocidade a compartir os seus vídeos propios nas redes sociais.

Se queres participar, segue lendo:

Que temática deben ter os vídeos?

Animamos a cada participante a elixir a súa escena favorita do cine (dende película, serie, webserie, real ou de animación…) e facer un vídeo referente á mesma, xa sexa reproducir a escena, homenaxeala, explicar a súa relevancia… Non hai un formato específico nin limitacións á creatividade.

Como participar no concurso?

Cada participante debe subir o seu vídeo en formato reel á súa conta instagram ou tiktok e mencionar na descripción ao Cine Clube Ádega @cineclubeadega así como o hashtag #EuFagoCine

Non hai límites ao número de vídeos que cada participante pode subir.
Iso si, os vídeos deben ter unha duración máxima de 30 segundos.
A lingua de preferencia será o galego, pero admitiranse vídeos en calquera outra lingua.

!!! Non se terán en conta vídeos enviados por mensaxe privada nin por stories.

Quen se pode presentar?

Todas as persoas interesadas, residentes en calquera das 4 provincias galegas, que teñan como máximo 30 anos (inclusive)*, e que poidan recoller o premio en persoa o 4 de agosto (o, no seu defecto, algún representante debidamente acreditado).

*En caso de resultar premiada, será necesario a presentación do DNI para confirmar que se cumpren os requisitos.

Cales son os prazos de presentación?

Admitiranse todos os vídeos presentados dende hoxe ata o 3 de agosto.

Comunicación de persoas premiadas: xoves 3 de agosto (por privado)

Entrega de premios: venres 4 de agosto, para pechar a Semana de Cine 2023.

Cales son os premios?

Premiaranse os 3 mellores vídeos, grazas á colaboración con Zona Aberta:

Un primeiro premio dun anel de luz selfie de 12″ con dous trípodes e mando bluetooth.

Un segundo premio dun abono por valor de 50€ para gastar en comercios de Zona Aberta.

Un terceiro premio dun abono por valor de 30€ para gastar en comercios de Zona Aberta.

Os 3 mellores vídeos recibirán tamén un abono anual gratuíto do Cine Clube Ádega.

Ademais, unha selección dos mellores vídeos será reproducida ao longo da Semana de Cine 2023.

Para calquera dúbida, escríbenos a comunicación@cineclubeadega.com  

Moita sorte ás participantes e que o cine vos acompañe!!

Página 2 de 26

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies