Volta o especial máis reivindicativo que estabas agardando. En honor ao 8M, Día da Muller, e como en anos precedentes, dedicamos este mes moi especialmente a elas: directoras, produtoras, realizadoras, guionistas, actrices e un largo etcétera, ás súas historias e andanzas polo cinematográfico.

O primeiro filme dará inicio aos actos da semana da muller do Concello de Vilagarcía. Tráemosche en colaboración coa Área de Igualdade do Concello (CIM) unha sátira delirante dun homicidio, cun sutil humor feminista de fondo, escuro e sanguento como soamente unha directora belga como Véronique Jadin sabería facer. Vén coñecer á empregada premium deste mes:

A EMPREGADA DO MES (2021) | MÉRCORES 6 de marzo, 21h00

*Entrada de balde ata completar aforo grazas a colaboración co CIM de Vilagarcía

E de homicidios continúa a cousa, porque como segundo filme este mes tráemosche nin máis nin menos que a cinta máis aclamada deste ano, a favorita para gañar o Oscar a mellor filme, e previamente gañadora da Palma de Oro en Cannes, probablemente a única película dun xuízo que SI é interesante! Unha anatomía coa que estarás en vilo ata o final intentando esclarecer que aconteceu: foi ela, non foi ela? Este non é un xuízo calquera, e o xuízo de toda a sociedade contra as mulleres, representadas na figura dunha muller, Sandra Hüller, que deberá xustificar ante todos as súas eleccións vitas, cada un dos seus pasos, e cada ínfimo matiz das súas palabras. Como nos amosa Justine Triet, todo poderá ser utilizado na súa contra:

ANATOMÍA DUNHA CAÍDA (2023) | VENRES 15 de marzo, 21h00

E de regalo unha terceira película para facer este mes especialísimo. Unha cinta doblemente reivindicativa: a biografía dunha poeta demasiado moderna para o seu tempo que loita por facerse un oco como artista, Fumiko Nakajo, filmada por unha directora que tamén loitou por abrirse camiño na xerárquica e masculina industria cinematográfica do Xapón de mediados do século XX, Kinuyo Tanaka. Non te chega de paralelismos? As dúas recibirían na súa busca artística o apoio de homes que actuaron como os seus mentores: Nakajo do tutor do seu clube de poesía, Tanaka dos directores cos que previamente traballara como actriz protagonista, principalmente Ozu; tamén as dúas acabarían consumidas polo cancro. Unha xoia clásica de indubidable delicadeza que rescatamos con moito agarimo este mes:

PEITOS ETERNOS (1955) | VENRES 22 de marzo, 21h00

Programación Filmoteca

Non sei ti pero nós acabamos moradas!