De novo en xuño enchémonos coas cores do Orgullo LGTBIQ+! E, para compensar tanta cor, traémosche outro filme en branco e negro, pero igual de brillante.

Tras a resaca das eleccións europeas, afastámonos do continente para achegarnos ao maestro do cinema xaponés, Kenji Mizoguchi, afamado pola súa poética visual e a súa crítica ao Xapón patriarcal. Nesta ocasión, Mizoguchi amósanos as consecuencias da guerra na poboación civil a través da historia de ambición e egoísmo de dous protagonistas masculinos: o un aspira a enriquecerse, o outro, a converterse en samurai. Serán, en cambio, as personaxes femininas as que máis han sofrir as consecuencias destas accións. Mizoguchi combina con enorme maestría a crudeza da violencia coa beleza máis pura nesta cinta de carácter fantástico, que se conta baixo a pálida lúa:

CONTOS DA LÚA PÁLIDA (1953)* | Mércores 19 de xuño, 20h30**

E agora si que entramos de cheo nas cores que máis caracterizan xa ao mes de xuño, unhas cores para encherse de orgullo e reivindicación. Retomamos, da man de Alejandro Marín, unha parte da historia da loita polos dereitos LGTBIQ+ no territorio nacional, contada a través do amor dunha nai polo seu fillo, posiblemente o único amor capaz de romper con todos os prexuízos, ao ritmo das Grecas:

TE ESTOY AMANDO LOCAMENTE (2023)* | Mércores 26 de xuño, 20h30**

entrada de balde!

**Recorda que agora as pelis comezan ás 20h30.

Pon as túas mellores cores e vén amar locamenti o cine coma nós.