Neste mes de outubro, como vén sendo habitual, o programa é de dúas proxeccións cinematográficas no Salón García da Casa da Cultura, ambas en versión orixinal subtitulada en castelán.

A primeira delas terá lugar este mércores día 10 de outubro, ás 21:00 horas, sendo a cinta protagonista “The Florida Project”. Dirixida por Sean Baker (Tangerine) en 2017, fai un retrato irónico dun barrio chabolista colindante co maior imperio vacacional dos EEUU: Disneyworld.

“Unha nena de 6 anos e os seus amigos pasan o verán nun pequeno motel próximo a Disneyworld, mentres os seus pais e o resto de adultos que os rodean sofren aínda os aefectos da crise”

O mércores 31 proxectaremos a británica “Wonderland” (1999, Micael Winterbottom). Trátase dunha crónica da vida de 3 irmás londinenses. O talento de Winterbottom, xunto coas magníficas interpretacións e a música de Michael Nyman converte esta historia nunha das máis fermosas sinfonías urbanas das últimas décadas.

A entrada para as proxeccións é de balde para os socios de Ádega e de 4 euros para o público xeral.