Este mes de xuño traémosvos un contido moi especial!

Como cada ano, o 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente, polo que vos propoñemos un ciclo de medio ambiente con dúas películas que poñen sobre a mesa algunhas das problemáticas máis acuciantes ás que nos enfrontamos como sociedade:

Comezaremos co documental Grazas pola choiva (2017). A partir das grabacións caseiras do granxeiro keniano e protagonista do documental Kisilu Musya, esta primeira longametraxe da noruega Julia Dahr retrata os efectos devastadores do cambio climático e o necesario diálogo Norte-Sur na loita pola xustiza climática. Proxección: mércores 8 de xuño.

A segunda proposta do ciclo é a macedonia Honeyland (2019), unha cinta que evidencia o fráxil equilibrio entre a humanidade e a Natureza a través da mirada dunha recolectora de mel que habita coa súa nai dependente nun lugar inhóspito dos Balcáns. Esta historia chea de tenrura reivindica con gran maestría a ética dos coidados e a interdependencia existente entre as persoas, e entre estas e o seu entorno, ó tempo que amosa os perigos da avaricia humana. Proxección: mércores 15 de xuño.

Pero iso non é todo!

Xuño non é só un mes para pensar no planeta; é tamén un mes para festexar algunhas das conquistas sociais das últimas décadas, como é o Día do Orgullo LGTBIQ+ o 28 de xuño. Xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), eliximos un filme para a ocasión que será totalmente de balde:

Dos Balcáns pasamos ó Cáucaso con Só nos queda bailar (2019), unha obra que narra o despertar (homo)sexual do seu protagonista e as dificultades coas que topará para encaixar nunha sociedade onde a heterosexualidade é a única expresión aceptada. O seu director, Levan Akin, nado sueco de pais georgianos, cuestiona aquí o peso da tradición e dos valores culturais na construcción da identidade individual, a masculinidade e o desexo. Baixo o ton cálido, a fermosura da danza e o poder visual das imaxes, nos atopamos ante un filme político que nos recorda que os dereitos individuais e a liberdade sexual non son unha realidade en todo o globo. Proxección: mércores 29 de xuño.

Como sempre, as entradas xa están a disposición aquí!