Neste mes de outubro temos programada a proxección de dúas longametraxes, «Once» (Unha vez) e «The Straight story» (Unha historia verdadeira), ambas en versión orixinal subtitulada. A diferencia do que vén sendo habitual, as proxeccións terán lugar en dúas semanas consecutivas (mércores 11 e 18), xa que a partir do día 23 comeza o festival organizado por Curtas.

Este mércores día 11 de outubro, no Salón García da Casa da Cultura e en horario de 21 horas, proxectaremos a cinta irlandesa «Once» (unha vez), dirixida por John Carney en 2007 e protagonizada por Glen Hansard e Markléta Irglová. A película obtivo o premio Oscar á mellor canción orixinal.

«Glen Hansard é un cantante e compositor que interpreta as súas cancións polas rúas de Dublín. Durante o día gaña un diñeiro extra interpretando cancións coñecidas para os transeúntes, mentras pola noite toca os seus propios temas, nos que conta a súa ruptura amorosa. O seu talento non pasa desapercibido para Markéta Irglová, unha inmigrante checa que vende flores na rúa. Ela tampouco tivo sorte no amor, e escribe cancións para sentirse mellor, mais ela non as interpreta en público como Glen. Markéta e Glen terminan facendo un dueto improvisado e descubren que hai algo que os une…»

outubro1

O próximo mércores, día 18, proxectarase o film de David Lynch de 1999 «The Straight Story» (Unha historia verdadeira), basada na historia real de Alvin Straight, un home de 73 anos que viaxou de Iowa a Wisconsin montado na súa segadora John Deere.

«Alvin Straight (Richard Farnsworth) é un achacoso ancián que vive en Iowa coa súa filla discapacitada (Sissy Spacek). Alén dun efisema e pérdida de visión, ten graves problemas na cadeira que case lle impiden pórse de pé. Cando recibe a nova de que o seu irmán, co que leva 10 anos enemistado, sufriu un infarto, decide ir a visitalo a Wisconsin. Para iso terá que percorrer unha distancia duns 500 kilómetros a bordo do único medio de transporte do que dispón, un pequeno tractor»

A entrada é de balde para os socios do Cineclube e de 4 euros para o resto.