Setembro tal vez sexa o mes menos aprezado do ano: dicimos adeus ás vacacións e aos longos días de sol e tornamos, pouco a pouco, ás rutinas novas ou vellas. Pero non todos os retornos son malos. No Cine Clube voltamos tamén con máis cine, máis ganas, e algunhas novas, para facerche máis agradable esta “volta ao cole”.
Estas son as novas que xa podemos compartir contigo:
- Mantemos a entrada reducida para persoas con carné xove e/ou en paro. Se recordas, esta foi unha medida que introducimos na Semana de Cine 23, e, visto o éxito que tivo, decidimos mantela para toda a programación regular a partir de xa!
- Cota reducida de socia para persoas con carné xove e/ou en paro. As persoas socias abonan unha cantidade de 60€/ano para ter acceso de balde a todas as proxeccións e actividades especiais do Cine Clube. Agora, as persoas en posesión de carné xove ou acreditación de paro poderán acceder aos mesmos beneficios por só 40€/ano. Non o penses máis e faite socia/o!
- Venres de cine. Moitas nolo estabades a pedir, polo que incorporamos os venres como día para vir gozar da nosa programación! A partires de setembro de 2023, cada mes contaremos cun mércores e un venres de programación, para garantizar que todas as cinéfilas poidades vir gozar da gran pantalla, polo menos unha vez ao mes!
Agardamos que estas medidas sexan do teu agrado. Ao longo deste trimestre sondearemos ás espectadoras e socias para analizar o impacto que estas novas rutinas poidan ter, porque queremos seguir aprendendo e mellorando para ti!
Permanece atenta ás novas e non dubides en facernos chegar a túa opinión a través das nosas canles de comunicación (facebook, instagram, telegram, ou email).
E agora, a programación!!
Un tanto desapercibida, talvez pola época na que saíu, pasou a penúltima obra do sempre pintoresco Wes Anderson, unha oda ao mundo do xornalismo e á cadea de axentes que o fan posible e que, quizais abafados pola cantidade de información que circula hoxe, pasan tamén desapercibidos. Este é o intento do director de venerar a labor esquecida dos xornalistas, recuperando un tempo no que as cousas eran máis sinxelas pero o traballo máis duro. Viaxa a unha Francia do século XX disparatada e chea de cor da man de Wes Anderson en
A CRÓNICA FRANCESA (2021). Proxección: VENRES 22 de setembro, 21h00
E non marchamos aínda de Francia, porque en outubro neste país imos atopar a felicidade, ou, polo menos, en aparencia. Casarse e ter fillos, amor e paixón unidos baixo o mesmo teito, non é isto a felicidade á que todas aspiramos? Por que riscarse a perdelo todo, entón, por unha amante? Se cabe, a felicidade non era tal, algo falla nesta fórmula supostamente perfecta. É isto o que Varda, con gran mestría e delicadeza, deixando entrever, pero sen dar respostas, explora neste filme tan cheo de cor coma o anterior, con imaxes que evocan a beleza e sustuosidade da vida, ao tempo que unha sombra de dúbida vai facendo aparición. Non é ouro todo o que reloce, dicía Agnès Varda xa nos anos 60:
LE BONHEUR (1965). Proxección: MÉRCORES 4 de outubro, 21h00
De paixóns autodestrutivas vai tamén a última cinta que traemos en outubro: un filme noir como soamente Park Chan-wook sabería facer, cunha intensidade narrativa e visual que case podes palpar. Thriller e romance a partes iguais, atracción fatal no medio dun crime por resolver… Será quen o protagonista de tomar a decisión de marchar antes de que o consuma a paixón? Se es dos que pensan que Parasite foi soamente o comezo do dominio surcoreano no audiovisual, este filme é para ti.
DECISION TO LEAVE (2022). Proxección: VENRES 20 de outubro, 21h00
Xa podes reservar as túas entradas na web ou en taquilla os días de proxección a partires das 20h30.
A quimera
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
Un nome para o que sou (colaboración EOI)
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
How to Have Sex (especial 25N)
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
El chico y la garza
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
Espectáculo filme concerto DJ Maefield
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
Deja una respuesta