Para os derradeiros meses do ano temos catro propostas moi diferentes; serán catro filmes de catro países diferentes, falados en catro linguas distintas e de catro estilos e temáticas moi diversas.
NOVEMBRO
O venres 14 será o filme de animación australiano do 2024, Memorias dun caracol (Memoir of a snail), escrito e dirixido por Adam Elliott, autor tamén do prestixioso filme de animación de culto Mary and Max (2009), o cal non se estreou no noso país ata o ano pasado, é dicir, 15 anos despois. Os mesmos anos que tardou en estrear esta segunda longametraxe o seu director. En “Memorias dun caracol” Adam Elliott segue fiel ao seu estilo: animación stop motion con plastilina, comedia negra, amistade entre unha nena e unha persoa anciá, angustia existencial… En definitiva, unha nova e maxistral mostra de animación para adultos, coa que estivo a piques de acadar o seu segundo Oscar.
Para o venres 21 faremos unha nova colaboración co CIM Vilagarcía no contexto do Día contra a violencia de xénero. Nesta ocasión proxectaremos o filme Soy Nevenka (2024), coescrito e dirixido por Icíar Bollaín e baseado nunha historia real novelada por Juan José Millás. A proxección será entrada de balde ata completar aforo.
DECEMBRO
O venres 12 con Anselm (2023), un documental dunha das lendas vivas do cine, o director alemán Wim Wenders, no que as liñas entre cine, pintura e escultura difumínanse grazas a exploración da vida e da obra do seu compatriota e coetáneo, o artista neoexpresionista Anselm Kiefer.
E o venres 19 despedirémolo ano cinematográfico a ritmo de hip hop irlandés coa película Kneecap, escrita e dirixida no 2024 por Rich Peppiatt, na que nos conta a historia do anárquico e indomesticado trío homónimo, que están dispostos a todo para salvar a súa lingua irlandesa.