“Rompente Grupo de Comunicación Poética” o conxunto creado por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón, regresa 40 anos despois cun novo espectáculo interdisciplinar no que a poesía se dará a man do audiovisual, a música e a posta en escena.
A actividade de ‘ Rompente’ abarcou uns sete anos entre 1976 e 1983, cunha proposta transgresora e coa que os tres se sentían “proscritos” no panorama literario da época. Romón, Reixa e Avendaño colaboraron con artistas como Menchu Lamas, Antón Patiño ou Julián Hernández, a través de ‘performances’, obras de poesía ou programas de radio, sempre marcados pola fusión de formatos e de xéneros.