Página 2 de 25

Un outono de cine: programación e novidades SETEMBRO/OUTUBRO ’23

Setembro tal vez sexa o mes menos aprezado do ano: dicimos adeus ás vacacións e aos longos días de sol e tornamos, pouco a pouco, ás rutinas novas ou vellas. Pero non todos os retornos son malos. No Cine Clube voltamos tamén con máis cine, máis ganas, e algunhas novas, para facerche máis agradable esta “volta ao cole”.

Estas son as novas que xa podemos compartir contigo:

  • Mantemos a entrada reducida para persoas con carné xove e/ou en paro. Se recordas, esta foi unha medida que introducimos na Semana de Cine 23, e, visto o éxito que tivo, decidimos mantela para toda a programación regular a partir de xa!
  • Cota reducida de socia para persoas con carné xove e/ou en paro. As persoas socias abonan unha cantidade de 60€/ano para ter acceso de balde a todas as proxeccións e actividades especiais do Cine Clube. Agora, as persoas en posesión de carné xove ou acreditación de paro poderán acceder aos mesmos beneficios por só 40€/ano. Non o penses máis e faite socia/o!
  • Venres de cine. Moitas nolo estabades a pedir, polo que incorporamos os venres como día para vir gozar da nosa programación! A partires de setembro de 2023, cada mes contaremos cun mércores e un venres de programación, para garantizar que todas as cinéfilas poidades vir gozar da gran pantalla, polo menos unha vez ao mes!

Agardamos que estas medidas sexan do teu agrado. Ao longo deste trimestre sondearemos ás espectadoras e socias para analizar o impacto que estas novas rutinas poidan ter, porque queremos seguir aprendendo e mellorando para ti!

Permanece atenta ás novas e non dubides en facernos chegar a túa opinión a través das nosas canles de comunicación (facebook, instagram, telegram, ou email).

E agora, a programación!!

Un tanto desapercibida, talvez pola época na que saíu, pasou a penúltima obra do sempre pintoresco Wes Anderson, unha oda ao mundo do xornalismo e á cadea de axentes que o fan posible e que, quizais abafados pola cantidade de información que circula hoxe, pasan tamén desapercibidos. Este é o intento do director de venerar a labor esquecida dos xornalistas, recuperando un tempo no que as cousas eran máis sinxelas pero o traballo máis duro. Viaxa a unha Francia do século XX disparatada e chea de cor da man de Wes Anderson en

A CRÓNICA FRANCESA (2021). Proxección: VENRES 22 de setembro, 21h00

E non marchamos aínda de Francia, porque en outubro neste país imos atopar a felicidade, ou, polo menos, en aparencia. Casarse e ter fillos, amor e paixón unidos baixo o mesmo teito, non é isto a felicidade á que todas aspiramos? Por que riscarse a perdelo todo, entón, por unha amante? Se cabe, a felicidade non era tal, algo falla nesta fórmula supostamente perfecta. É isto o que Varda, con gran mestría e delicadeza, deixando entrever, pero sen dar respostas, explora neste filme tan cheo de cor coma o anterior, con imaxes que evocan a beleza e sustuosidade da vida, ao tempo que unha sombra de dúbida vai facendo aparición. Non é ouro todo o que reloce, dicía Agnès Varda xa nos anos 60:

LE BONHEUR (1965). Proxección: MÉRCORES 4 de outubro, 21h00

De paixóns autodestrutivas vai tamén a última cinta que traemos en outubro: un filme noir como soamente Park Chan-wook sabería facer, cunha intensidade narrativa e visual que case podes palpar. Thriller e romance a partes iguais, atracción fatal no medio dun crime por resolver… Será quen o protagonista de tomar a decisión de marchar antes de que o consuma a paixón? Se es dos que pensan que Parasite foi soamente o comezo do dominio surcoreano no audiovisual, este filme é para ti.

DECISION TO LEAVE (2022). Proxección: VENRES 20 de outubro, 21h00

Xa podes reservar as túas entradas na web ou en taquilla os días de proxección a partires das 20h30.

Merca o teu Abono por só 10€

Xa podes mercar o teu ABONO para toda a Semana de Cine dende as 20h no Salón García por só 10€ e reducido a 6€ para desempregad@s, xubilad@s e carnet xoven.

Volta o evento do ano!!! SEMANA DE CINE 2023

A promoción do cinema e do audiovisual na comarca é a razón de ser do Cine Clube Ádega. Este ano, por vez primeira, a Semana de Cine focalízase nun grupo específico da sociedade a miúdo infrarrepresentado na programación cultural: a mocidade.

No Cine Clube Ádega recoñecemos o valor creativo da xuventude, a súa capacidade de innovar e contar historias. Por iso, esta Semana de Cine 2023 pomos á mocidade no centro do audiovisual con contidos pensados especialmente para a xuventude; comprometémonos coas problemáticas, temáticas e historias que apelan á mocidade da comarca, e aos mozos e mozas que todas levamos dentro.

Para facer valer esta aposta, organizamos o concurso #EuFagoCine en colaboración con Zona Aberta. Se tes menos de 30 anos e queres participar, consulta aquí todas as bases.

Pero, por suposto, non nos esquecemos de todas as demais, socias e non socias, que non acompañades cada ano. Prometemos que o contido e películas que ofertamos este ano vanvos facer sentir coma novos!

E pecharemos a Semana de Cine ao grande, cun evento moi especial. Tanto, que é sorpresa. Shhh. Soamente os podemos adiantar que preparedes as mantas e as cestas da praia, neveiras, sillas, e demais, porque imos montar un macropícnic cinematográfico ao que estades todas invitadas.

Preparadas? Comezamos en

3

2

1

Lanzamos o concurso #EuFagoCine

A promoción do cinema e do audiovisual na comarca é a razón de ser do Cine Clube Ádega. Este ano, por vez primeira, a Semana de Cine focalízase nun grupo específico da sociedade a miúdo infrarrepresentado na programación cultural: a mocidade.

No Cine Clube Ádega recoñecemos o valor creativo da xuventude, a súa capacidade de innovar e contar historias. Lonxe de rexeitar as novas tecnoloxías como unha lacra para o audiovisual, celebramos a súa capacidade de por á mocidade no centro do proceso creativo e, por tanto, de democratizar a cultura. Por iso organizamos este concurso no que convidamos á mocidade a compartir os seus vídeos propios nas redes sociais.

Se queres participar, segue lendo:

Que temática deben ter os vídeos?

Animamos a cada participante a elixir a súa escena favorita do cine (dende película, serie, webserie, real ou de animación…) e facer un vídeo referente á mesma, xa sexa reproducir a escena, homenaxeala, explicar a súa relevancia… Non hai un formato específico nin limitacións á creatividade.

Como participar no concurso?

Cada participante debe subir o seu vídeo en formato reel á súa conta instagram ou tiktok e mencionar na descripción ao Cine Clube Ádega @cineclubeadega así como o hashtag #EuFagoCine

Non hai límites ao número de vídeos que cada participante pode subir.
Iso si, os vídeos deben ter unha duración máxima de 30 segundos.
A lingua de preferencia será o galego, pero admitiranse vídeos en calquera outra lingua.

!!! Non se terán en conta vídeos enviados por mensaxe privada nin por stories.

Quen se pode presentar?

Todas as persoas interesadas, residentes en calquera das 4 provincias galegas, que teñan como máximo 30 anos (inclusive)*, e que poidan recoller o premio en persoa o 4 de agosto (o, no seu defecto, algún representante debidamente acreditado).

*En caso de resultar premiada, será necesario a presentación do DNI para confirmar que se cumpren os requisitos.

Cales son os prazos de presentación?

Admitiranse todos os vídeos presentados dende hoxe ata o 3 de agosto.

Comunicación de persoas premiadas: xoves 3 de agosto (por privado)

Entrega de premios: venres 4 de agosto, para pechar a Semana de Cine 2023.

Cales son os premios?

Premiaranse os 3 mellores vídeos, grazas á colaboración con Zona Aberta:

Un primeiro premio dun anel de luz selfie de 12″ con dous trípodes e mando bluetooth.

Un segundo premio dun abono por valor de 50€ para gastar en comercios de Zona Aberta.

Un terceiro premio dun abono por valor de 30€ para gastar en comercios de Zona Aberta.

Os 3 mellores vídeos recibirán tamén un abono anual gratuíto do Cine Clube Ádega.

Ademais, unha selección dos mellores vídeos será reproducida ao longo da Semana de Cine 2023.

Para calquera dúbida, escríbenos a comunicación@cineclubeadega.com  

Moita sorte ás participantes e que o cine vos acompañe!!

Bonus Track: o filme de XULLO ’23

Crías que entre tanto especial de xuño e coa Semana de Cine ás portas non quedaba espazo para máis programación en xullo??? Por sorte para ti, o cine nunca descansa, e nós tampouco: para xullo traémosche un único filme a modo de bonus track, para que a espera ata a Semana de Cine non se che faga longa.

Malia que a discusión en torno ao consentimento teña sido trending topic os últimos meses no noso país, en Francia xa se viña falando desta cuestión fai tempo, cristalizada nunha cinta de Yvan Attal na que asistimos a un xuízo entre vítima e acusado. Existe máis de unha versión da realidade cando se trata dunha agresión? Cales son os mecanismos polos que se cuestiona a versión da vítima? Por se dubidas aínda de como vai isto do consentimento e dos xuízos sociais que rodean esta cuestión, non te perdas esta reflexión cinematográfica:

O ACUSADO (LES CHOSES HUMAINES) (2021). Proxección: mércores 12 de xullo, 21h00

 

Un mes cheo de cores: programación XUÑO ’23

Seguro que estás dacordo en que xuño é un mes moi especial: son os días máis longos e luminosos, o verán comeza a intuirse, péchanse ciclos e comezan outros con proxectos de vacacións, festas varias, días de praia… todo é especial en xuño. E no Cine Clube non podía ser menos. Por iso, este xuño de 2023 vén cargadiño de ESPECIAIS DE CINE:

Comezamos esta semana mesma co ESPECIAL DE MEDIO AMBIENTE cunha cinta para concierciarnos sobre a contaminación da industria e o impacto que ten no medio e na nosa saúde, porque nós tamén formamos parte do medio, aínda que ás veces o esquezamos. Pero aquí vén Mark Ruffalo para recordárnolo fronte aos tribunais, nun thriller xudicial contemporáneo à la Erin Brockovich, tamén baseado en feitos que aconteceron (e o continúan a facer). Unha peli de Todd Haynes que gañou recoñecemento internacional coa súa nominación aos premios César a mellor película de 2020. Moi recomendable se queres aprender as claves para loitar contra a macroindustria:

DARK WATERS (2019). Proxección: mércores 7 de xuño, 21h00 

A programación continúa cunha nota de comedia para subir os ánimos. Festexamos o ESPECIAL DÍA DA MÚSICA na gran pantalla co mellor grupo glam rock da historia: Spinal Tap!! Que quen son? No seu documental, convertido en filme de culto, seguimos á banda nunha xira onde aprenderás todo o que precisas saber deles, da súa música, e do ascenso á fama. Claro que a cinta podería estar a falar de calquera grupo rock/heavy metal dos 80. É isto precisamente o que pretenden o seu director, Rob Reiner, e os seus colegas de guion e reparto, quen conforman esta banda a partir dos topicazos do momento e documentar así, en clave de humor, a época máis dura da música. Bailarás da risa, prometido.

THIS IS SPINAL TAP (1984). Proxección: mércores 21 de xuño, 21h00 

E, como cada ano, pechamos este mes de cine sumándonos ás reivindicacións para a defensa e celebración da diversidade cun ESPECIAL ORGULLO LGTBIQA+, que este ano é especialmente especial grazas á Área de Igualdade (CIM) do Concello de Vilagarcía, que promociona unha semana de cine LGTBIQA+! En total serán tres películas diferentes que visibilizan identidades disidentes da heteronorma en épocas tamén diversas:

LOVE IS STRANGE (2014). Proxección: mércores 28 de xuño, 21h00

PARIS IS BURNING (1990). Proxección: xoves 29 de xuño, 21h00

20000 ESPECIES DE ABEJAS (2023). Proxección: venres 30 de xuño, 19h30 e 22h00** 

*Todas as películas do ciclo LGTBIQA+ serán de balde para todo o público.

**20000 especies de abejas terá dous pases: o primeiro ás 19h30 e o segundo ás 22h.

Página 2 de 25

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies