Etiqueta: Programación (Página 1 de 4)

De abundancia vai o mes: programación ABRIL ’24

A abundancia da recén estreada primavera reflíctese na obra dos dous directores que eliximos para o mes de abril. Malia ás claras diferenzas, ambos son considerados intelectuais contemporáneos, altamente controvertidos e especialmente prolíficos na súa produción audiovisual (se falamos dos anos 60 a esta parte). Sabes de quen podemos estar a falar?

O primeiro é fácil. A un ritmo de case un filme por ano, e aínda en activo malia aos seus 88 anos, o inconfundible Woody Allen continúa cos seus enredos amorosos (ficticios e reais), comedias negras e tensións por resolver. Na súa última película sitúa a acción en París, nunha parella aparentemente ideal que verá a súa estabilidade ameazada. O crime e a sospeita farán a súa aparición neste filme que porén resulta lixeiro e entretido. Unha vez máis, o neoyorkino demostra que aínda lle quedan ideas dabondo nesa famosa caixa onde as colecciona. Unha sorte para o mundo do cinema.

GOLPE DE SORTE (2023) | Venres 12 de abril, 21h00

E pechamos o cunha nova aportación da Filmoteca de Galicia* para ofrecerche a opera prima da que sen dúbida é a figura cultural máis destacada da Italia do século XX: Pier Paolo Pasolini. Pensador e escritor de novela, ensaio, poesía, teatro… e tamén cinema, este intelectual enmarcou cos seus filmes o lado máis cru da sociedade italiana, dende unha visión especialmente crítica cos cambios sociais e culturais que observaba na súa patria. Con Accattone Pasolini estréase como director, centrando a cámara nas comunidades marxinais de Roma, focos de prostitución e crime, para contrastar a dureza das marxes co progreso económico que parecía experimentar o país. Este título marcaría o ton, temáticas e estilo que Pasolini habería de empregar nas súas sucesivas obras audiovisuais, que foron moitas para os escasos 15 anos que o autor se colocou detras da cámara, antes da súa prematura morte. Considerada pola crítica como unha das películas de maior crudeza argumentativa, Accattone é, con todo, unha cinta imprescindible na historia do cinema italiano e no patrimonio audiovisual universal.

ACCATTONE (1961) | Mércores 24 de abril, 21h00

*Colección Filmoteca de Galicia: entrada especial de 2’50€ (socixs de balde)

Vai reservando as túas entradas, que son abundantes, pero non tanto!

Poñémonos moradas de cine: especial mes da muller MARZO ’24

Volta o especial máis reivindicativo que estabas agardando. En honor ao 8M, Día da Muller, e como en anos precedentes, dedicamos este mes moi especialmente a elas: directoras, produtoras, realizadoras, guionistas, actrices e un largo etcétera, ás súas historias e andanzas polo cinematográfico.

O primeiro filme dará inicio aos actos da semana da muller do Concello de Vilagarcía. Tráemosche en colaboración coa Área de Igualdade do Concello (CIM) unha sátira delirante dun homicidio, cun sutil humor feminista de fondo, escuro e sanguento como soamente unha directora belga como Véronique Jadin sabería facer. Vén coñecer á empregada premium deste mes:

A EMPREGADA DO MES (2021) | MÉRCORES 6 de marzo, 21h00

*Entrada de balde ata completar aforo grazas a colaboración co CIM de Vilagarcía

E de homicidios continúa a cousa, porque como segundo filme este mes tráemosche nin máis nin menos que a cinta máis aclamada deste ano, a favorita para gañar o Oscar a mellor filme, e previamente gañadora da Palma de Oro en Cannes, probablemente a única película dun xuízo que SI é interesante! Unha anatomía coa que estarás en vilo ata o final intentando esclarecer que aconteceu: foi ela, non foi ela? Este non é un xuízo calquera, e o xuízo de toda a sociedade contra as mulleres, representadas na figura dunha muller, Sandra Hüller, que deberá xustificar ante todos as súas eleccións vitas, cada un dos seus pasos, e cada ínfimo matiz das súas palabras. Como nos amosa Justine Triet, todo poderá ser utilizado na súa contra:

ANATOMÍA DUNHA CAÍDA (2023) | VENRES 15 de marzo, 21h00

E de regalo unha terceira película para facer este mes especialísimo. Unha cinta doblemente reivindicativa: a biografía dunha poeta demasiado moderna para o seu tempo que loita por facerse un oco como artista, Fumiko Nakajo, filmada por unha directora que tamén loitou por abrirse camiño na xerárquica e masculina industria cinematográfica do Xapón de mediados do século XX, Kinuyo Tanaka. Non te chega de paralelismos? As dúas recibirían na súa busca artística o apoio de homes que actuaron como os seus mentores: Nakajo do tutor do seu clube de poesía, Tanaka dos directores cos que previamente traballara como actriz protagonista, principalmente Ozu; tamén as dúas acabarían consumidas polo cancro. Unha xoia clásica de indubidable delicadeza que rescatamos con moito agarimo este mes:

PEITOS ETERNOS (1955) | VENRES 22 de marzo, 21h00

Programación Filmoteca

Non sei ti pero nós acabamos moradas!

Estreamos o 2023! Bótalle un ollo á programación de XANEIRO

No Cine Clube Ádega o 2023 comeza esta semana de xaneiro, e o fai con dous thrillers que pouco (ou nada) teñen que ver, pero que te porán os pelos de punta por igual, aínda que por motivos moi diferentes:

O último filme de Asghar Farhadi, aclamado por la crítica e gañador do Premio do Xurado en Cannes (2021), tráenos un drama moral dos que xa nos ten afeito o director. Protagonizada por un home que está preso por una pequena débeda, a trama desenvólvese en torno o seu intento de saír desta situación, pero as dificultades e o clima de opresión irán in crescendo de forma exponencial e perturbadora. Unha denuncia encuberta do seu Irán natal a través dun heroe común.

UN HEROE (2021). Proxección: MÉRCORES 11 de xaneiro, 21h00

E de heroes pasamos a antiheroes, cun neonoir estadounidense no que dous matóns asaltan un tranvía e crean o pánico entre os seus pasaxeiros sen motivo aparente. Un filme cuase nihilista, cínico, que pasou desapercibido no momento pola incomodidade que causaba, pero que co tempo chegou a converterse en cinta de culto polo seu reflexo tan honesto da sociedade dos anos 60. Foi tamén o filme que fixo despegar a carreira na gran pantalla dos dous protagonistas, uns xóvenes Tony Musante e Martin Sheen.

O INCIDENTE (1967). Proxección: MÉRCORES 25 de decembro, 21h00.

Estrea o 2023 na túa butaca favorita do Salón García. Pódela reservar de antemán nesta ligazón. Alí te agardamos! Feliz ano!

Programación NOVEMBRO ’22

As mulleres chegan con forza ao Cine Clube este novembro! Segue lendo:

“Un dos mellores filmes independentes xamais feitos” é un dos reclamos máis repetidos entre a crítica sobre Wanda, a única longametraxe de Barbara Loden, unha road movie independente e semiautobiográfica protagonizada pola propia directora na que seguimos a unha muller que se dirixe irremediablemente cara a súa perdición. A cinta viu a luz en 1970, ano no que gañou no festival de Venecia por mellor película internacional e recibiu o aclamo inmediato nos círculos culturais europeos (como dato, Marguerite Duras proclamouse fan do filme). No seu país de orixe, porén, a cinta pasou bastante desapercibida, sendo incluso desprezada por sectores feministas que vían en Wanda a unha muller pasiva en mans dos homes. O tempo contribiu a unha revisión e xusta revalorización do filme, que é hoxe visto como unha excepcional representación intimista da desigualdade social estadounidense, así como unha cinta eminentemente feminista e antipatriarcal. Pero a reticencia inicial da crítica estadounidense dificultou a distribución do filme ata fai pouco; escasos son os cine clubes e salas do noso país que acolleron a Wanda, polo que podemos asegurar que esta é unha ocasión exclusiva para visionar esta peza mestra.

WANDA (1970). Proxección: MÉRCORES 9 de novembro, 21h00

E continuamos con historias de cine independente protagonizadas por mulleres, nesta ocasión para conmemorar o día internacional contra a violencia contra a muller (25N). 20th Century Women, mulleres do século XX, é unha obra escrita e dirixida por Mike Mills, director estadounidense que xa é coñecido dentro do cine independiente pola súa empatía e sensibilidade. Cun estupendo reparto (Greta Gerwig, Elle Fanning, Annette Bening, Billy Crudup…) nos achegamos as vidas de tres mulleres a finales dos anos 70, con todo o que implica: amor, alegría, dor, amizade, cuestionamento identitario, a asunción da adultez…
Ofrecemos o visionado deste filme xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), polo que o acceso estará aberto para todo o público.

20TH CENTURY WOMEN (2016). Proxección: VENRES 25 de novembro, 21h00.

Si, si, liches ben: este segundo filme proxectarase o VENRES, coincidindo coa data oficial do 25N. Ademais, despois da proxección animaremos aos cineclubistas a vir tomar algo para, nun entorno informal, iniciar un coloquio arredor dos temas tratados no filme e calquera outro. Non perdas esta ocasión de participar no primeiro encontro do Cine Clube Ádega, onde poderás achegarnos as túas opinións, intereses, comentarios… ou simplemente falar de cine, que é o máis nos gusta facer! Agardámoste!!

Para reserva de prazas para as proxeccións, preme aquí.

Wanda

Sinopse:
En la zona obrera de los suburbios de Pennsylvania, Wanda Goronski, una mujer con problemas, abandona a su familia y acaba sumergida en un mundo de perdición.
Ficha técnica:
Título orixinal: Wanda
Ano: 1970
Duración: 101 min.
País: EEUU
Dirección: Barbara Loden
Guión: Barbara Loden
Reparto: Barbara Loden, Michael Higgins, Dorothy Shupenes, Valerie Mamches, Peter Shupenes, Jerome Thier, Jack Ford, Marian Thier, Anthony Rotell
Produtora: Foundation for Filmakers, Bardene International
Xénero: #drama #roadmovie #películadeculto #cineindependiente

Para profundizar: http://wandathemovie.com (páxina en inglés)

Programación OUTUBRO ’22

No mes de setembro despedímonos do verán. Adieu ás longas horas de luz e ás terrazas repletas. A vida debe continuar. Por sorte, tamén continúa a programación do cine clube! Este mes de outubro traémosche una carteleira très français.

En homenaxe ao recentemente falecido director franco-suízo Jean-Luc Godard, maior representante da corrente da nouvelle vague que nos anos 60 transformou por completo o panorama cinematográfico francés, abriremos a programación de outubro cun filme do director. Inconformista, polémico e incombustible, con media década de traxectoria, Godard deixou tras de sí un legado de máis de 100 títulos, innumerables premios e recoñecementos, e unha fonte de inspiración infinda para artistas pasados, presentes e futuros. Pierrot le fou (o tolo) é a cinta elixida para visionado na gran pantalla do Salón García. Este filme de 1965 é un dos máis aclamados do director, tanto polo seu estilo rompedor como pola forma errática de representar aos personaxes principais, con idas e vindas, cambios de escena que aparentan inconexas, diálogos rotos (e improvisados polos actores) e referencias directas ao público. En palabras do propio Godard, o que vemos neste filme “c’est la vie“.
Proxección: mércores 5 de outubro, 21h00.

Outro autor consagrado en Francia, de traxectoria máis recente, é Jacques Audiard, quen destacou o pasado ano coa súa cinta Les Olympiades ou PARÍS distrito 13, nominada en varios festivais internacionais (Cannes entre eles). O guion (co-escrito con Céline Sciamma, outra grande do panorama francés) nos fala dun trío de relacións. Amor, amizade e sexo se mesturan no barrio numero 13 de París, quartier des Olympiades. Algunhas das críticas aclaman a cinta por ser a única gravada na capital francesa que non amosa a súa famosa torre, detalle suficiente para suscitar interese no filme.
Proxección: mércores 19 de outubro, 21h00.

Este outubro, vén aprender francés con nós!

(Reserva a túa praza para non perder detalle)

Página 1 de 4

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies